DAG - Asociación Galega de Deseñadores
11/03/2010
O vindeiro día 8 de xaneiro preséntase no CGAC as 20:00 horas a exposición "En torno da Baskerville":
En torno da Baskerville é unha exposición organizada pola Asociación
Galega de Deseñadores (DAG) sobre o resultado dunha investigación e
intervención proposta a trinta deseñadores. A propia asociación
coordinará a mostra e o deseño do dispositivo da exposición, que será
realizado polos alumnos da Escola Universitaria de Deseño Industrial de
Ferrol.
Pártese da idea de transformar un elemento icónico, como é un libro,
nunha obra diferente: nun libro obxecto, noutro libro ou nun obxecto no
que non quede rastro da sua identidade orixinal. En calquera caso, a
intervención suporá a diferenciación e a personalización dunha obra
seriada ou impresa, a creación dun deseño orixinal non comercial a
partir dun obxecto de manufactura industrial.
Invertimos o proceso de creación: se normalmente creamos unha maqueta
para a produción, neste caso partimos do obxecto xa producido
industrialmente para a creación dun orixinal.
O libro escollido é A imprenta en Galicia. Século XIX, un catálogo ou
inventario das produción impresa nese século editado en dous volumes
pola Xunta de Galicia no ano 2002, na colección Bibliofilia de Galicia.
Escollemos este por ser unha publicación austera e pola súa forza como
representación icónica: un libro clásico encadernado en pastas duras e
maquetado con Baskerville, unha tipografía deseñada no século XVIII por
John Baskerville, criticada durante moito tempo porque "cegaba aos
lectores polos seus trazos finos e estreitos" pero posteriormente moi
empregada, precisamente pola súa elegancia e claridade, en biblias e
edición de clásicos literarios.
Escolleuse precisamente o nome da tipografía, unha opción non tomada
polos deseñadores que participan neste proxecto pero central no deseño
do libro, para dar título á exposición.
Os deseñadores gráficos e industriais, que participan neste proxecto son:
Lía Santana, X. María Torné, Pepe Barro, Xosé Salgado,
Uqui Permui, Daniel Bembibre, Antón Lezcano,
Álvaro Valiño, Pancho Lapeña,
Gisela Ahumada, J. Ramón Méndez, Javier Perez,
Jon Solozabal, Jose A. Carrera, María Pereiró, María del Rosario
Domínguez, Natalia Crecente, Óscar Canal, Óscar Otero, Segundo
Fernández, Simón Windsock e Rafa Caccamo
* Lembra que para facer comentarios, tes que estar rexistrado en DAG e iniciar a túa sesión como usuario.

DAG - Asociación Galega de Deseñadores | Apdo de Correos 2131 Santiago de Compostela | + información