Tres empresas de deseño: Cenlitrosmetrocadrado, Ekinocio e A navalla suíza, suman as súas forzas para sacar adiante Probeta, un programa de formación para deseñadores nada convencional.
Este é o seu particular xeito de loitar contra a rixidez burocrática do sistema de prácticas e tamén de dar resposta ás inquedanzas de xente nova coma Susana Ríos, a moza que lles lanzou o reto, e como non, a primeira seleccionada na edición deste ano.
Desde logo non se trata de prácticas ao uso porque:
1. As persoas seleccionadas non traballarán para as empresas, senón que o farán en proxectos persoais que combinen as tres vertentes do deseño (gráfico, industrial e web) nas que están especializadas cada unha das empresas participantes, que as asesorarán ao longo de todo o proceso.
2. As 64 horas de formación desenvolveranse en cada un dos tres estudios, de forma rotatoria: a primeira semana en Ekinocio, a segunda na Navalla suíza e finalmente a terceira en Cenlitrosmetrocadrado.
3. A cantidade simbólica que terán que pagar os participantes no programa de formación será 1 euro.
4. Os deseñadores beta terán a oportunidade de aprender do proceso de traballo real de tres estudios moi heteroxéneos, mentres que os profesionais poderán entrar en contacto con xente coa que poden traballar nun futuro e beneficiarse do intercambio ideas e experiencias cos que están iniciando a súa andaina profesional.
O prazo para inscribirse comezou o 1 de decembro e estará aberto ata o 6 de xaneiro.
Toda a información sobre o proxecto e inscrición en:
http://anavallasuiza.com/probeta/
* Lembra que para facer comentarios, tes que estar rexistrado en DAG e iniciar a túa sesión como usuario.

DAG - Asociación Galega de Deseñadores | Apdo de Correos 2131 Santiago de Compostela | + información